miércoles, 1 de noviembre de 2023

Virtudes (e misterios)

 

As dúbidas, medos e frustracións da rapaza que baixou apenas un par de anos antes do Montserrat fican lonxe. O proceso permítelle, a ela que sempre amou os libros e a lectura, ir construíndo, por primeira vez, unha biblioteca de seu. Das adaptacións resumidas -abridged- de clásicos e obras didácticas pasa aos grandes títulos: obras de teatro de Shakespeare e de Shaw, poemas de Tennyson e Blake, antoloxías románticas, novelas de Austen e Dickens, Forster e Woolf, e claro está, D. H, Lawrence. Pax 160 e 161

Desexo moito que poidamos posuír unha casa-xardín-horta pronto, con moita luz, sinxeleza, comodidade e as cousas necesarias, pero moi en especial unha boa biblioteca. Pax. 218

Leo libros que collo en préstamo na biblioteca e escribo versos rimados, ... pax. 227

Eu xa estaba familiarizado coa mitoloxía antiga grazas a obras tales como Tales of the Greek Heroes de Roger Lancelyn Green -como anunciaba no diario, miña nai fora ampliando con entusiasmo aquela incipiente biblioteca dos seus primeiros anos de estudante- , cuxa edición de Puffin traía na cuberta ao propio Heracles en loita singular co impoñente león de Nemea. Pax. 240

Malia casos como o do atlas, a biblioteca seguía a ser o corazón inexpugnable do noso fogar. Axiña miña nai me sacou o carné da biblioteca pública, que visitaba cada venres, día en que o préstamo se ampliaba de un a dous volumes -aínda que para o domingo xa me dera tempo a lelos e, ás veces, mesmo relelos-. Pax. 267

Igual que buscaba o acubillo da miña biblioteca persoal, cando me aguilloaba a morriña pola miña cidade natal abría o caixón e enchoupábame do recendo daqueles papeis, absorto durante horas na contemplación dos mapas do metro ou da cidade, ou, mellor aínda, do plano que superponía as liñas de cores ás rúas, unindo ambas dimensións, a soterrada e a visible, nun único espazo para min epifánico. Pax. 275

Para que ese simulacro de continuidade fose o máis completo posible, miña nai levábame a actividades -cheguei a facer de fantasma nunha obra de teatro- e inscribiume na biblioteca pública do barrio, para o que houbo que vencer as reticencias da bibliotecaria, que sospeitaba que ao remate da nosa curta estancia non pensabamos devolver os libros en préstamo, cousa que si fixemos. Pax. 280

Tampouco nós volvemos a asentarnos alá e seguimos vivindo dacabalo dos dous países, en parte polas clases de inglés na casa, en parte por novas visitas á avoa, co gallo de que miña nai puidese fornecerse de manuais e outros materiais docentes que adquiría en Bennedict´s, unha librería especializada en Lillie Road e cun bargais basement cheo de sorpresas, como unha edición de Desttino de Las mocedades de Ulises de Cunqueiro que merquei por setenta e cinco peniques despois de que a expurgasen do sistema público de bibliotecas de Kensington e Chelsea. Pax. 282 e 283

Dou por descontado que manteríamos as visitas a museos, as saídas a concertos, o teatro e as bibliotecas. Pax. 315

Fraga, X. (2020). Virtudes (e misterios). Galaxia.

Aportado por Anxo


No hay comentarios:

Publicar un comentario